Wednesday 01 de May de 2024

Inés Rey no peche do ano EPB100: “Pardo Bazán contribuíu á renovación da ficción nacional e fixo desta unha cidade ilustrada”


A alcaldesa presentou a edición en galego da obra ‘La Tribuna’ e destacou que o Goberno municipal organizou máis de medio cento de actos para honrar o centenario do pasamento da célebre autora coruñesa

A alcaldesa, Inés Rey, pechou este xoves 30 de decembro os actos do ano EBP100, no que se rendeu homenaxe á escritora Emilia Pardo Bazán no centenario do seu falecemento, coa presentación na Real Academia Galega da tradución ao galego da obra ‘La Tribuna’. O Concello organizou ao longo deste 2021 máis de medio cento de eventos para honrar a esta célebre figura coruñesa.

‘La Tribuna’ é considerada como a novela que inaugura o naturalismo na literatura española, unha obra clave que supuxo un antes e un despois na maneira de retratar socialmente o ámbito urbano, dándolle protagonismo a clase obreira. “Durante todo o 2021 quixemos acercar á cidadanía ás múltiples facetas desta incrible escritora honrando a súa memoria con medio centenar de actos. Penso que non podiamos ter un mellor epílogo que a presentación desta edición galega dunha das súas obras máis significativas, ‘La Tribuna’”, apuntou Inés Rey. Xunto á alcadesa estiveron presentes no acto Marilar Aleixandre, académica da RAG e directora da revista ‘La Tribuna’; Manuel Bragado, da Fundación Luzes; a traductora Valeria Pereira e o epiloguista e escritor Manuel Rivas.

Para escribir esta obra, Pardo Bazán conviviu durante dous meses coas cigarreiras da Fábrica de Tabacos, outro símbolo da nosa cidade. A alcaldesa da Coruña destacou o claro carácter feminista que hai en ‘La Tribuna’ a través desa figura das cigarreiras. “Cando ninguén falaba delas, foi Emilia Pardo Bazán quen da protagonismo a estas mulleres traballadoras tan vencelladas á loita pola igualdade das mulleres”, apuntou Inés Rey.

Con este acto, o Concello pecha unha intensa actividade divulgativa da autora coruñesa ao longo dos últimos doce meses. O Goberno municipal de Inés Rey amosou con esta iniciativa de EPB100 o seu apoio á cultura e a unha das figuras coruñesas máis destacadas e relevantes, que “contribuíu á renovación da ficción nacional, mais tamén como a coruñesa que contribuíu a facer da Coruña unha cidade ilustrada e a precursora dun discurso feminista aínda tan necesario”, tal e como indicou a alcaldesa durante o acto na RAG.

O Concello prepara agora a celebración do Ano Internacional María Casares, co que renderá homenaxe a outra figura moi importante do mundo da cultura. Atrás quedan medio cento de actos que tiveron como protagonista a Emilia Pardo Bazán. Destaca a gran mostra ‘Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade’ que pechou hai uns días no Quiosco Alfonso ou a reposición da estatua orixinal da escritora nos Xardíns de Méndez Núñez.